O actual primeiro ministro, o conservador Dervis Eroglu, gañou as eleccións presidenciais organizadas este domingo.
Eroglu avoga por dous estados
Os cidadáns da República Turca de Chipre do Norte elixiron por maioría absoluta o actual primeiro ministro, Dervis Eroglu, para que ocupe o cargo de presidente desta entidade autoproclamada en 1983 que se estende pola parte norte da illa e que só é recoñecida por Turquía. Confírmase deste xeito o novo rumbo político iniciado nas lexislativas de 2009.
A vitoria de Eroglu, oposto á reunificación, determinará o futuro das negociacións. O mandatario saínte, Mehmet Ali Talat, e o seu homólogo grecochipriota, Dimitris Christofiás, iniciáranas en setembro de 2008. Tamén está en xogo o proceso de adhesión de Turquía á UE.
Ao respecto, o presidente turco Recep Tayyip Erdogan acusou a UE de non ser "sincera" cos turcochipriotas logo de que estes apoiasen no ano 2004 un plan da ONU para reunificar a illa dividida desde 1974. "A UE non cumpriu as súas promesas", dixo para xustificar o resultado deste domingo.