Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
17 de abril

A erradicación dos transxénicos centra o Día Internacional da Loita Labrega

O Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Galega Antitransxénicos participan nunha manifestación en Madrid.

Redacción - 11:15 17/04/2010

Este sábado conmemórase o Día internacional da Loita Labrega. As organizacións que forman parte da Coordinadora Europea da Vía Campesiña organizarán accións e manifestacións para lembrar esta data a nivel mundial.

A Vía Campesiña dedica este ano a súa campaña á loita contra as empresas multinacionais e o control que exercen sobre os sistemas agrícolas e alimentarios en todo o mundo. Entre as actividades que se desenvolverán este 17 de abril, o Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Galega Antitransxénicos acoden a unha manifestación en Madrid co lema "Por unha alimentación e unha agricultura libre de OXM".

A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, e un labrego da COAG serán as persoas encargadas de darlle lectura ao manifesto co que rematará a mobilización convocada pola Plataforma Rural e Greenpeace no Estado Español.

En Francia convocouse unha merenda campesiña, seguida de debates sobre as loitas contra as grandes superficies e distribuidoras. En Suíza fíxose un chamamento a "dicir non ao negocio agrícola e ao control das grandes distribuidoras na industria alimentaria", con proxeccións de filmes, mesas redodas e debates. Mentres, en Turquía, unha gran manifestación campesiña protestará contra as transformacións lexislativas neoliberais. En Roma organízase unha conferencia de prensa sobre a soberanía alimentaria e os OXM e mais un proxecto de comercialización de azucre ecolóxico e xusto producido por unha cooperativa brasileira. Estas e outras actividades e manifestacións teñen lugar este sábado en distintos puntos de Europa.

O Día da Loita Labrega lembra cando, o 17 de abril de 1996, 19 campesiños sen terra do Brasil que defendían o seu dereito a produciren alimentos a través da demanda de acceso á terra foron masacrados pola policía militar en Eldorado dos Carajás. Dende aquela, cada ano, nesta data, organizacións de labregas e labregos, comunidades, grupos de estudantes, activistas e ONG de todo o mundo organizan actividades para exixir a soberanía alimentaria e o dereito dos labregos a alimentar as súas comunidades.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: