O informe de Nacións Unidas advirte que non houbo vontade do deposto goberno Musharraf de protexer a ex primeira ministra e líder da oposición paquistaní.
"Non se tomaron as medidas axeitadas para protexer a Benazir Bhutto dun perigo claro e inminente", expón o informe presentado por Heraldo Muñoz, embaixador chileno e presidente da comisión investigadora de Nacións Unidas sobre o asasinato da ex primeira ministro paquistaní.
A análise da ONU é contundente nas conclusións e malia sinalar que o obxectivo non era levar adiante unha investigación criminal e atopar culpábeis senón botar luz sobre o acontecido, apunta claramente á responsabilidade do daquela presidente de Paquistán, Pervez Musharraf. Para a ONU, o ataque que fixo estoupar un forte paquete explosivo ao final dun mitin de Bhutto pouco despois de que esta volvese do exilio para liderar a oposición, podería terse evitado "se se tivesen adoptado as medidas de seguridade axeitadas". O informe do organismo internacional avisa de que Musharraf era perfectamente consciente das ameazas e riscos que corría a súa rival política e denuncia que non fixo nada para evitalos. Por riba, Muñoz reprocha a posterior investigación oficial, advertindo que fracasou "de xeito deliberado".
Para ampliar: