A sentenza considera a Roberto Vázquez Souto (PPdeG) autor dun delito de negociacións prohibidas aos funcionarios.
Vázquez Souto é alcalde dende 1992 e era o candidato máis probábel para as eleccións de 2011
O xulgado do Penal de Pentevedra condena ao alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto (PPdeG) como autor dun delito de negociacións prohibidas aos funcionairos á pena de multa de 3.600 euros e a suspensión de emprego e cargo público polo período dun ano.
A sentenza, contra a que aínda cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, considera probado que o rexedor realizou contratacións administrativas do Concello “con empresas que á súa vez contrataban con outras empresas de familiares seus ou pertencentes ao seu ámbito familiar e das que el mesmo era o real administrador”.
Os feitos terían acontecido entre 1998 e 1999 e refírense á contratación, por exemplo, da entidade Chandouteiro, que ten como socios a tres fillos do alcalde e como administradora á súa muller. Logo da baixa médica dun dos operarios do concello e para levar a cabo a recollida do lixo durante os meses de agosto, setembro e parte de outubro de 1998, o rexedor contratou directamente a unha empresa interposta (dirixida por un ex-empregado dunha empresa do alcalde) que, á súa vez, traballaba para Chandouteiro.
Segundo a sentenza, seguiuse un procedemento similar con outra empresa á que se lle contratou o transporte dunhas lonas para a celebración dunha comida da terceira idade, Excavaciones Luneira. Nas súas conclusións, o fallo afirma que as empresas ás que se lle adxudicaron estes contratos “non foron máis que firmas interpostas que serviron para evitar unha contratación directa do Concello coas entidades vinculadas ao propio alcalde”.