Os traballadores de Carlsberg, o cuarto maior fabricante de cervexa, protestan pola nova norma que lles prohibe beber cervexa no traballo.
Centos de empregados da compañía cervexeira danesa Carlsberg puxéronse en folga para protestar pola decisión da empresa de prohibir o consumo de cervexa durante o traballo. O paro comezou o pasado día 1 de abril, cando a directiva introduciu a nova norma.
Segundo explicou Jens Bekke, portavoz da empresa, "os traballadores sempre tiveron á súa disposición auga, cervexa e refrescos, mais a partir de agora a cervexa só estará dispoñíbel no comedor da empresa".
Porén, os transportistas fican excluídos e poderán seguir a beber tres cervexas ao día. Ao respecto, Carlsberg informou de que os camións dispoñen dun dispositivo que detecta o consumo de alcol, polo que os condutores non as poden inxerir mentres están conducindo.
A repartición de cervexa no país, afectada
Uns 800 operarios da fábrica, apoiados por outros sectores, uníronse á folga e 250 non volveron ir traballar desde que se convocou. O asunto transcendeu tanto que mesmo a Confederación da Industria Danesa e o sindicato 3F tiveron que intervir para buscar unha solución.
A protesta tamén afectou á repartición de cervexa no país. Polo momento, paralizáronse os envíos de mercancía desde Copenhaguen e rexistráronse demoras no resto do país. Carlsberg, o cuarto maior fabricante de cervexa do mundo, espera porén que a folga non teña consecuencias financeiras graves.