A ONG calcula que en Galiza viven máis de 10 mil inmigrantes sen cobertura médica, e alerta da exclusión social nesta materia a raíz da crise.
Imaxe da campaña de Médicos do Mundo
A ONG Médicos do Mundo denunciou a "precariedade" que se produce no acceso á saúde da poboación inmigrante que vive en Galiza e alertou de que a crise provocou un aumento da exclusión social en materia sanitaria. Calcula que no país viven máis de 10 mil inmigrantes sen cobertura médica. Para paliar esta situación, publicou unha guía que permita achegar o sistema sanitario a este colectivo.
O vicepresidente segundo de Médicos do Mundo no Estado Español, Felipe Noia, subliñou que se trata dun "problema de información, tanto por parte das persoas inmigrantes que viven entre nós como de nós mesmos a respecto de cales son as súas necesidades".
Coa publicación, a ONG pretende ofrecer información sobre como conseguir a tarxeta sanitaria, solicitar unha cita para o médico de atención primaria ou conseguir as vacinas infantís. Entre os obstáculos que deben superar os inmigrantes están a falta de documentación e as diferenzas lingüísticas e culturais, segundo explicou Noia.
Así mesmo, Médicos do Mundo lamentou que os inmigrantes en Galiza sufran "discriminación" por teren que estar inscritiso no padrón municipal para poderen acceder á tarxeta do Servizo Galego de Saúde. Aínda así, os menores de 18 anos, as mulleres grávidas e calquera persoa que precise asistencia de urxencia ou padeza unha doenza grave ten dereito a atención, independentemente da súa situación administrativa, algo sobre o que existe un "descoñecemento total".
A presentación do libro coincide co Día Mundial da Saúde, durante o que a ONG desenvolveu unha campaña informativa en diferentes centros de saúde da área de Compostela, co obxectivo de sensibilizar a poboación sobre "un problema que nos afecta a todos".