O sindicato afirma que esta situación non lles afecta aos centros concertados, o que prexudica tanto o alumnado como o profesorado en listaxes de substitucións.
O STEG denuncia que a consellaría de Educación non está a cubrir as prazas vacantes por enfermidade ou por outros motivos nos centros de ensino público e que está paralizar o nomeamento do profesorado substituto. O sindicato lembra que a Administración educativa é, polo xeral, a encargada de cubrir esas vagas de inmediato, para evitar que centos de alumnos queden sen avanzar materia, atendidos por profesorado de garda.
Así, o STEG afirma que actualmente hai 30 prazas sen cubrir, a metade delas de primaria e outras tantas de secundaria. Ademais, algunhas delas son de longa duración, é dicir, de máis dun mes. Segundo o sindicato, dende o 17 de marzo, a Administración pública deixou de chamar persoal substituto para os centros públicos.
O STEG denuncia que esta situación non se dá nos centros concertados, o que está a contribuír á perda de calidade do ensino público. Ademais, considera que, nun momento de crise, "a función do Estado é garantir o acceso das persoas máis azoutadas pola precariedade á función pública", polo que non entende a parálise do proceso.
Entre as posíbeis causas de que non se estean a cubrir as prazas, o STEG apunta que a Consellaría aforra o salario de 30 persoas durante aproximadamente 20 días de traballo, aínda que é unha "cantidade irrisoria" e que supón un prexuízo, tanto para o ensino público como para o profesorado en listas de substitución. A decisión prexudica o alumnado, que dependerá de profesorado de garda, sen ver materia de estudo, e mais o profesorado substituto, que non terá acceso a un posíbel emprego.