Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN GALIZA

O gasto medio en comercio xusto é de 225 euros por cada mil habitantes

O desembolso dos galegos é sete veces menor á media europea, que se sitúa nos 1.500 euros por cada mil habitantes.

Redacción - 13:15 17/03/2010

En Galiza existen aproximadamente medio cento de tendas, locais ou supermercados de comercio xusto que, á súa vez, se reparten por máis de 20 concellos. Esta forma alternativa de comercio que promove unha relación comercial xusta entre produtores e consumidores pasou entre os anos 2000 e 2005 dunha facturación de 265 mil euros a máis de 1,3 millóns, o que revela un incremento no consumo de produtos deste tipo.

Sete veces menos desembolso
Con todo, estas cifras distan moito da media europea. Segundo o Informe Anual de Comercio Xusto presentado pola Coordinadora Estatal, que incorpora unha análise cuantitativa do último exercicio pechado (2008), no Estado Español o gasto medio por persoa e ano sitúase en 0,35 euros, é dicir 350 euros por mil habitantes. Galiza, cun gasto de 225,2 euros por cada milleiro de habitantes, sitúase no sétimo lugar de entre as comunidades autónomas, despois de Baleares (725 euros), Cataluña (652), Madrid (561) ou Navarra (541).

Diminución das ventas
Malia a tendencia dos últimos anos, o descenso nas compras destes produtos no 2009 foi xeneralizado. No Estado Español, as ventas rexistraron en 2008 a súa primeira baixada na última década (un 3%) o que se atribúe ao contexto de crise económica, sobre todo tendo en conta que o ritmo de progresión era un incremento interanual dun 12%.

O máis demandado: o café
Se falamos dos produtos, a alimentación supón o 60% do total do consumo xusto. O café sitúase á cabeza, con case a metade da venta de alimentos, seguido do cacao e o azucre. En artesanía, os artigos máis demandados son os complementos (30%) e a decoración (26,7%), xunto cos téxtiles do fogar (17%), a roupa (12%) e os xoguetes (8,1%).


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O informe anual foi elaborado pola Coordinadora Estatal de Comercio Xusto e Setem, co financiamento da  Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento
O informe anual foi elaborado pola Coordinadora Estatal de Comercio Xusto e Setem, co financiamento da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento