Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALTERNATIVAS

Greenpeace pídelle a Feijoo un novo modelo de xestión de residuos que descarte a incineración

A asociación súmase ao outras plataformas ecoloxistas que exixen un cambio radical nas políticas de tratamento do lixo. Unha das propostas é potenciar a recollida porta a porta.

Redacción - 11:43 10/03/2010

A mediados dos noventa o debate sobre o xeito de tratar o residuos urbanos foi intenso. En abril de 1992 a Xunta aprobara a creación da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) e pouco despois deu a coñecer a aposta pola incineración do lixo, como eixo central da solución ao problema. A oposición política e, sobre todo o movemento ecoloxista, opúxose frontalmente a este modelo.

En abril de 2001 comezaron as primeiras probas nas caldeiras da planta termoeléctrica de Cerceda e o debate foise apagando pola política de feitos consumados: a incineración de residuos xa estaba en marcha. Mais agora, nove anos despois, o debate sobre se este é o mellor modelo para xestionar o lixo que producimos volve a estar enriba da mesa. A Xunta dará a coñecer antes de xuño se amplía as instalacións de Cerceda ou crea unha segunda planta de tratamento no sur do país (opción máis económica pero que podería enfrontarse á contestación social).

Os ecoloxistas consideran que é o momento de reabrir o debate sobre o problema de Sogama non é o modelo actual. A última organización en sumarse a este debate é Greenpeace. Este colectivo pídelle á Xunta que aprenda dos erros do pasado: “Agardamos que o goberno de Feijoo non queira coller atallos na futura xestión do lixo de Galiza e reconsidere a opción da incineración polo seu alto custe para a saúde e para o peto dos galegos”.

Greenpeace proponlle ao executivo que analice o que está a suceder noutros lugares do Estado Español. Como exemplo menciona o caso de moitos municipios de Cataluña e Euskadi que están a apostar pola recollida porta a porta que, segundo Greenpeace, consegue niveis de reciclaxe que superan incluso o 80% do lixo xerado, redúcense os custes e as taxas que deben pagar os cidadáns.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: