Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENDE QUE COMEZARA A CRISE

Un 6% da poboación activa perdeu o seu emprego en Galiza

Un informe de CCOO analiza as repercusións da crise no mercado laboral: dende o segundo trimestre de 2008 perderon o traballo 75.600 galegos.

Redacción - 09:30 06/03/2010
A industria, e non a construción, é o sector que máis sentiu a recesión

A industria, e non a construción, é o sector que máis sentiu a recesión

Alén dos datos mensuais que cada 30 días ofrece o Ministerio de Traballo, Comisions Obreiras (CCOO) estudou as repercusións que a crise económica tivo nestes últimos anos no mercado laboral. O informe analiza as estatísticas por trimestres e contradí algúns mitos xa aceptados socialmente como que o sector máis afectado é o da construción.

Destrución de emprego que duplica a creación de traballo antes da crise
O número de empregos destruídos dende que comezara a crise económica (segundo trimestre de 2008) alcanzou en Galiza os 75.600. Esta cifra supón o 6% da poboación que estaba activa antes da recesión e é o dobre dos postos de traballo que se creaban nos anos previos de expansión (uns 30 mil anuais).

A construción non é a máis afectada
Minguou o emprego en todos os sectores, mais a crise destruíu postos de traballo sobre todo na industria. “É falsa a idea que o sector máis afectado é a construción”, dixo na presentación do informe o economista de CCOO Manuel Lago. Na industria destruíronse 32.700 empregos, o 15% dos que había neste campo. Ao tempo, Lago subliña as caídas sufridas no eido do automóbil (que perdeu 3.940 empregos entre 2007 e 2009); no téxtil (con 4.414 menos); e o naval (con 2.098 menos). Porén, na construción produciuse unha “caída intensa” nos primeiros trimestres da crise, mais despois “foi mesmo quen de xerar emprego polos efectos do Plan E (contaba con 131.400 ocupados no terceiro trimestre de 2008 e pechou 2009 con 115.700).

Os servizos resisten
O sector servizos acumula en Galiza máis do 70% dos traballadores e, segundo CCOO, “é o sector que máis está aguantando”. “No último trimestre do ano pasado había máis persoas traballando neste eido que en 2007”, subliña Lago, quen destaca que “en case todos os subsectores se produce un incremento, agás no comercio, o transporte e os concesionarios e talleres”.

Perda de autónomos

O informe tamén analiza o efecto que ten a recesión entre os traballadores por conta propia ou allea. Segundo CCOO, se ben en cifras absolutas son os asalariados os que máis descenden, en termos relativos os autónomos son os máis afectados pola crise. Ademais, o estudo revela que “todo o emprego asalariado que se perdeu na crise foi temporal, mentres que os contratos indefinidos até medraron en plena recesión”.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: