Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN GALIZA

As mulleres ocupan o 38% dos escanos parlamentarios, lonxe da meta da ONU

O Mapa Mundial da Muller na Política sinala que a participación feminina nos parlamentos mundiais se sitúa no 18%.

Redacción - 10:00 07/03/2010
Bachelet é unha das nove presidentas de todo o mundo

Bachelet é unha das nove presidentas de todo o mundo

A actual porcentaxe de parlamentarias no mundo está aínda lonxe da paridade que se impuxo as Nacións Unidas (ONU) como meta na cuarta conferencia internacional sobre a muller, celebrada hai 15 anos en Pequín e que, supostamente, debería terse acadado hai xa 10 anos. Segundo un informe deste organismo, o Mapa Mundial da Muller na Política 2010, as mulleres ocupan o 18,8% dos escanos dos parlamentos de todo o mundo, o que considera un “lento avance” na súa incorporación á vida política.

En Galiza, un pouco mellor
O Parlamento galego sitúase á cola das comunidades do Estado en número de mulleres con representación na política. Dos 75 deputados da cámara, só 29 son mulleres, é dicir, o 38,6% dos parlamentarios. Mentres, só un 8% dos concellos están liderados por alcaldesas.

Segundo o informe feito público pola Unión Interparlamentaria (UIP), o Estado Español sitúase no décimo terceiro posto do listado mundial, cun 36,6%, a mesma cifra que no informe de hai un ano. Con todo, o estudo destaca ao goberno español, xunto cos de Finlandia, Noruega e Cabo Verde, por promover a paridade nos gabinetes de goberno. Pola contra, a nivel global só o 16% das carteiras ministeriais son ostentadas por mulleres.

Só nove presidentas no mundo
O estudo sinala que a presenza da muller na política mudou considerabelmente dende 1995, cando só o 11% dos escanos eran de mulleres, mais subliña que o ritmo de avance “é demasiado lento”. Ruanda é o único dos 150 países incluídos que conta cunha paridade de xénero no seu corpo lexislativo, xa que a muller ocupa o 56,3% dos escanos das súas cámaras.

A muller ocupa o 30% do arco parlamentario en só 44 foros lexislativos do mundo, mentres que a súa presencia aínda non acada o 10% en 71 e en 10 deles só hai homes. O progreso tamén foi lento no terreo dos xefes de Estado e de goberno, xa que só nove mulleres ocupaban estas posicións de liderazgo en 2009, unha máis que en 2005.

O informe destaca que os mecanismos máis importantes para impulsar unha maior participación feminina no mundo político son as cotas, os mecanismos electorais e a vontade interna dos partidos para integrar a muller.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: