Os traballadores dos servizos de prevención e extinción de incendios da Xunta critican os incumprimentos do Goberno
A belixerancia esgrimida polo PPdeG até hai agora un ano desde as trincheiras da oposición a conto da política anti-incendios despregada durante a lexislatura pilotada polo bipartito esmoreceu en canto os populares accederon ao Goberno. Na que foi a primeira campaña contra o lume baixo o mando da Consellaría do Medio Rural agora liderada polo PP non se produciron cambios significativos respecto á estratexia deseñada polo executivo anterior. E ás portas da primavera, non parece que vaia haber novos cambios.
Así o reprochan desde a asociación profesional que reúne a traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF), o colectivo Apropiga. Recordan en concreto desde esta asociación que o PP incluíra de xeito específico no seu programa electoral a promesa de que todas as contratacións da campaña de verán do Plan de Defensa Contra Incendios ían realizarse a través das listas oficiais de contratación da Xunta. Mais na práctica, no canto de rexerse polo decreto que regulamenta a contratación do persoal interino e temporal, desde Apropiga denuncian que o PP desenvolve unha política de contratación baseada en facer "limpeza" dunha xente para "colocar" outra.
"Marean o persoal", láiase Roberto Jorge Correa, presidente de Apropiga, advertindo de que esta situación impide que se estabilicen os cadros de persoal e que se avance na arela de profesionalización do servizo. Apropiga insiste ademais en criticar o modelo estabelecido con Seaga polo anterior goberno, acusándoo de favorecer as manobras clientelares na contratación de persoal. Os traballadores agoiran que Medio Rural se limitará agora a substituír o xerente de Seaga e quéixanse de que ás portas do comezo da precampaña deste ano, a consellaría "aínda non fixo ningún anuncio de cal vai ser a estrutura do dispositivo de prevención e extinción". "Tan só xeran confusión, desorganización e descoordinación", censuran. "Se cadra contan con que a choiva siga axudando", ironiza Correa.