Os deputados xustificarán xa no vindeiro pleno os gastos de quilometraxe para cobrar as indemnizacións.
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, levou á Mesa a proposta para a eliminación do pago sistemático das dietas por desprazamento
A Mesa do Parlamento púxolle coto este martes á polémica xurdida nas pasadas semanas ao respecto do cobro de dietas por parte dos deputados. Os parlamentarios deberán xustificar a partir xa do vindeiro pleno os gastos dos seus desprazamentos para poder cobrar as indemnizacións dos gastos de quilometraxe, que até o de agora percibíanse de xeito automático.
A iniciativa, que foi aprobada por unanimidade, recolle explicitamente que cada deputado deberá solicitar a indemnización expresamente e por escrito cada vez que participe nun acto parlamentario, sempre e cando teña dereito á percepción. Asemade, o documento prevé a abono dos gastos que xeren os traslados de aqueles deputados que non teñan ou non poidan utilizar vehículo propio. Porén, en ningún caso poderá exceder os gastos xerados por un coche particular e previa xustificación documental.
O novo documento será publicado na páxina web do Parlamento e anulará o sistema baseado no pago automático, que se efectuaba a partir dos datos facilitados por cada deputado ao inicio da lexislatura nunha declaración xurada.