Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica polo cobro de dietas

A socialista Laura Seara presentará información que certifica que viaxou en taxi e no vehículo da súa parella

Nega que usase coche oficial, censura a "infamia" das acusacións do PPdeG e anuncia que vai presentar unha querela.

Redacción - 11:30 23/02/2010
A socialista Laura Seara

A socialista Laura Seara

A directora do Instituto español da Muller e ex deputada do PSdeG, Laura Seara, censurou as "infamias" vertidas contra ela por parte do PPdeG sobre un suposto cobro irregular de dietas e avanzou que presentará unha querela contra os 'populares' ante esta "gravísima" situación.

A socialista anunciou que este martes presentará ante a Mesa do Parlamento "todos os datos" dos seus desprazamentos desde Ourense a plenos e comisións.

Entre os papeis está un certificado da Asociación de Empresarios do Transporte de Viaxeiros en Vehículos de Turismo e Autotaxi de Ourense 'As Burgas', onde o seu presidente, Xavier Martínez Lamela, dá fe de que Seara "fixo uso constante e habitual" do servizo de taxi "especialmente en desprazamentos a Santiago", informa Europa Press.

A maiores, enviará a documentación sobre "os dous vehículos" que utilizou de xeito habitual: o da súa parella sentimental, que traballa en Compostela, e o dun compañeiro de partido que non conta con "ningún cargo público". "Os meus desprazamentos a plenos e comisións nunca foron en coche oficial, xamais", asegurou.

"Nunca cobrei un euro de máis"

Ademais, anunciou que acudirá á Xustiza en caso de que o PPdeG non retire as denuncias de "estafa", e emprazou os 'populares' a "arranxar os seus problemas" e "deixar de intentar salpicar" o resto de deputados.

Finalmente, negou terse lucrado coas dietas, xa que "non ter carné" saíulle "moi caro". "Gastábame entre 600 e 700 euros ao mes en desprazamentos, pero sempre exercín o meu traballo na Cámara con dedicación e honorabilidade e nunca cobrei un euro de máis", sentenciou.


3,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: