Varios grupos do facebook xa suman 40 mil persoas contrarias ó tratado lingüístico, que promoverán unha Iniciativa Lexislativa Popular.
No facebook son moitos os grupos que se declaran contrarios ao Acordo Ortográfico
O Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa segue a xerar conflito en Portugal case dous anos despois de recibir o visto bo do Parlamento luso. Este luns o diario Público recolle unha iniciativa contraria á norma lingüística xerada na rede social Facebook.
Nesta plataforma xurdiron xa diferentes colectivos que promoven a “defensa das diferentes especificades da lingua portuguesa tal e como é practicada entre os diferentes membros da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa” (CPLP) e rexeitan abertamente o Acordo Ortográfico.
Recollida de sinaturas
Dende un destes grupos, o tradutor João Pedro Graça defende a posta en marcha dunha campaña para recoller sinaturas para promover unha Iniciativa lexislativa de Cidadáns (ILC) e presentar na Assembleia da República unha proposta de suspensión do Acordo.
Na argumentación desta ILC defenderase que: “este Acordo só vale para un lado, que é o Brasil”, que “non ten absolutamente ningunha vantaxe para Portugal” ou “que moitos tradutores van ficar sen traballo porque o custo da vida é máis alto na Europa que no Brasil e un tradutor en Portugal ten que cobrar máis”. Ademais, aseguran que “o que está en xogo é a lingua, un símbolo nacional” e alertan que “o 1,6% das palabras coas que falamos en Portugal son alteradas co Acordo”.