O portavoz en Madrid, Francisco Jorquera, denuncia que "se lle prohibiu a varios estudantes" ler as súas teses no seu idioma.
Sede da UNED en Pontevedra
O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, denunciou este domingo que a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), "segue tratando o galego, o vasco e o catalán como se fosen idiomas estranxeiros no Estado Español".
Así o sinalou o deputado nacionalista nunha pregunta presentada ao goberno español na que lle demanda información sobre a modificación da normativa aprobada o 28 de marzo de 2008 pola Comisión de Investigación da UNED.
Esta estabeleceu que os doutoramentos "pódense redactar e presentar a tese doutoral en castelán ou en calquera outra lingua oficial ou estranxeira, sempre que así o autorice a Comisión de Doutoramento do Departamento Correspondente".
Jorquera denunciou na súa iniciativa que, "partindo deste regulamento, a UNED prohibiulle a varios estudantes ler en galego as súas teses doutorais", dando á lingua galega "o mesmo trato que o chinés ou o malaio".
Proposición non de lei
O BNG presentou unha proposición non de lei que será debatida proximamente na Comisión de Educación do Congreso pola que se insta o goberno a "realizar as xestións necesarias ante a Comisión de Investigación e Doutoramento da UNED" para "admitir a presentación e lectura de teses doutorais nas linguas cooficiais do Estado".