Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA RETIRADA DA EFIXIE

Exixen sancións contra o militar que fixo un saúdo fascista ante a estatua de Astray

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña entrega unha carta na Delegación do goberno español na que pide medidas disciplinarias.

Redacción - 11:56 23/02/2010
A efixie de Astray estaba situada na praza que leva o seu nome, fronte ao cuartel de Atocha

A efixie de Astray estaba situada na praza que leva o seu nome, fronte ao cuartel de Atocha

“Un estado democrático non pode pagar a nómina de militares que, durante a súa xornada laboral, fan apoloxía do fascismo”. Nestes termos se dirixe a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) ao goberno español exixindo medidas disciplinarias contra o militar que despediu a estatua de Millán Astray, na súa retirada dunha praza pública, cun saúdo fascista.

Tal e como se puido ver nalgúns informativos televisivos, no momento en que os operarios levaban a efixie do fundador da lexión situada fronte ao cuartel de Atocha, un militar, asomado a unha das fiestras do edificio, realizaba o saúdo fascista, co brazo en alto. A CRMH considera estes feitos “moi graves” e lamenta que “despois de 33 anos da instauración da democracia haxa funcionarios públicos que teñan o atrevemento de lembrarnos os días de terror de 1936, cando os golpistas cometían todo tipo de actos represivos e asasinatos”.

Que a Administración responda
Así, a Comisión pide que o Ministerio de Defensa faga pública a identidade daquel militar (do que existen imaxes) e que informe á sociedade da “marcha do expediente, que se supón xa terá aberto, así como as medidas disciplinarias adoptadas”.

Ademais, subliñan que este feito “non é illado”. Ao respecto lembran que hai dous anos o coronel Lorenzo Fernández Navarro de los Paños (comandante militar da Coruña e Lugo) enviou un informe os seus superiores sobre a Lei de Memoria Histórica, que “era unha auténtica declaración de apoio ao levantamento militar fascista”. Tamén sitúan na mesma liña as actuacións de Mena Aguado, que propugnou unha intervención do rei para que impedise a aprobación do Estatuto de Cataluña coa colaboración das Forzas Armadas, ou a carta escrita polo xeneral Blas Piñar, na que acusaba ao goberno español de impedir o seu ascenso.


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: