Unha nova iniciativa ofrece os concellos a posibilidade de programar ciclos de filmes árabes. Ademais, cada mes poderase ver unha nova película en Compostela.
O Festival de Cine Euroárabe Amal, que se leva celebrando en Santiago de Compostela dende hai sete anos, terá agora continuidade ao longo de todo o país e durante todo o ano. Así o anunciou este xoves o director do certame, Ghaleb Jaber Martínez, quen adiantou a posta en marcha do proxecto “As Mostras Amal”. Baixo este nome, ofrécese a entidades e institucións a posibilidade de programar ciclos de filmes árabes.
Os concellos que queiran acoller unha destras mostras disporán dun amplo catálogo de filmes, os que participaron durante estes últimos sete anos no festival (aos que se pode acceder dende a web de Amal). Na actualidade xa está en marcha unha proxección na cidade de Bos Aires e tamén se programarán proximamente outras en Palestina, Belén ou Xerusalén, entre outros lugares.
E en Compostela, todos os meses
Ademais, a Fundación Araguaey comezará o vindeiro luns 22 de febreiro outra nova iniciativa que, baixo o nome de “As lúas do Amal”, levará a Santiago unha proxección mensual de cine árabe. Con este proxecto preténdese dar continuidade no tempo ao Festival e permitirá que o último luns de cada mes poidamos acceder a algunha das películas emitidas nas últimas edicións de Amal. A cita será de balde e terá lugar no auditorio do Hotel Araguaney ás 10 da noite, en Santiago, cunha capacidade para unhas 600 persoas.
A programación de cada un dos filmes será determinada polo público a través da páxina web do Festival entre tres opcións que presentará a organización cada mes. O obxectivo é “estabelecer un diálogo co público para facer o evento máis participativo”.
Vídeo: As Luas de Amal comezarán o vindeiro luns 22 de febreiro co filme “Le grand voyage” do director Ismael Feroukhi