O Festival Amal achégase ás realidades dos países árabes. O seu director recoméndanos tres documentais e tres filmes de ficción.
Entre o 23 e o 31 de outubro, o Festival Internacional de Cine Euro-Árabe Amal leva a Santiago de Compostela o máis destacado da produción cinematográfica do mundo árabe. Nesta sétima edición participan filmes de Palestina, Qatar, Arabia Saudí, Xordania, Exipto, Alxeria, Siria, Líbano ou Marrocos, e producións de varios países europeos. O programa oficial inclúe 12 longametraxes documentais, seis de ficción e 17 curtas. Entre as actividades paralelas do festival, destaca un ciclo didáctico de cine árabe para nenos e un programa monográfico sobre os anos dourados do cine exipcio.
O festival comeza o venres 23 coa proxección do documental “Eu son Gaza”. No coloquio posterior participará a directora do filme, a xordana Asma Beseiso. Arrancan así nove días de proxeccións, moitas delas acompañadas de coloquios nos que participan directores, produtores e outros membros dos equipos dos filmes. Para os que non teñan claro que escoller entre a ampla oferta, o director do festival, Ghaleb Jaber Martínez, recoméndanos tres documentais e tres filmes de ficción.
Documentais
Sábado 24 ás 20 h.: Al Nakba, de Rawan Al Damen. Un filme que en 200 minutos “recolle o conflito palestino desde a súa orixe no século XVIII ata hoxe. Ten un labor de investigación detrás que non deixará indiferente a ninguén, con material de arquivo recollido ao longo de dez anos”, destaca Jaber Martínez. No coloquio posterior participará Dima Al Damen, documentalista da película.
Domingo 25 ás 20 h.: CheckPoint Rock: Canciones desde Palestina, de Fermín Muguruza e Javier Corcuera. “A través de diferentes músicos palestinos amosa as dificultades da creación artística nesas condicións, aínda que as creacións superan calquera opresión”. No coloquio posterior participará Antón Reixa, produtor.
Xoves 29 ás 20 h.: A vila dun só home, de Simon El Habre. Un documental que “fala dos campesiños que viven nas montañas do Líbano, a maior parte deles cristiáns. Describe de forma poética a súa vida cotiá”.
Ficción
Martes 27 ás 22 h.: Vermello oriental, de Raja Amari. Filme tunecino “sobre unha muller viúva que atopa na danza a súa vía de escapatoria”.
Mércores 28 ás 22 h.: Granadas e mirra, de Najwa Najjar. “Unha historia moi bonita en Palestina”, na que Kamar, unha bailarina de espírito libre, ten que enfrontarse ao feito de converterse na muller dun prisioneiro, Zaid. Logo encóntrase con Kais, un palestino retornado co que xorde a atracción. Coloquio posterior co productor do filme, Hani Kort.
Venres 30 ás 22 h.: Un mozo para Yasmina, de Irene Cardona. Un filme hispano-marroquí sobre namoramentos cruzados entre personaxes de ambas beiras do estreito de Xibraltar.