O crime, propio dun filme de espías, evoca o 'modus operandi' do servizo secreto israelí, neste caso co uso de pasaportes falsos do Reino Unido e outros estados da UE.
Familiares de Al Mabhouh (nos cartaces)
Milleiros de simpatizantes de Hamás acudiron esta cuarta feira á manifestación que honrou a memoria do recentemente asasinado Mahmoud Al Mabhouh, dirixente da organización palestina, en Dubai. "A decisión de vingar o mártir Mahmoud Al Mabhouh está tomada, e ha ser igual ao crime", anunciou ao público Abu Obeida, voceiro da vertente militar de Hamás, as Brigadas de Al Qassam.
A axencia de intelixencia de Israel, o Mossad, aparece no punto de mira da formación islamista. O servizo secreto non quixo comentar as acusacións, mais esta mesma cuarta feira o ministro de Exteriores israelí, Avigdor Lieberman, sinalou que "non hai razón" para pensar que estea involucrado.
As súas palabras non facían máis que axigantar a hipótese dun asasinato propio dos filmes de espionaxe, e que comezou a coller forza este luns cando a Policía de Dubai difundiu os retratos dos supostos executores, 10 homes e unha muller, que actuaron con pasaportes europeos falsos (seis británicos, tres irlandeses, un francés e outro alemán).
Ao respecto, o primeiro ministro británico, Gordon Brown, prometeu esta quinta feira unha "investigación a fondo". O executivo que preside xa comunicou formalmente a Israel o seu malestar. Na mesma liña están a actuar o resto de estados implicados, ademais de Austria que investiga os teléfonos móbiles dos sospeitosos.
Modus operandi propio do Mossad
O asasinato de Al Mabhouh responde a un modus operandi propio do Mossad, que xa empregou esa táctica en 1997 -tamén con Netanyahu no poder- cando dotou de documentación canadense a un dos axentes involucrados no intento de asasinato en Damasco do xefe de Hamás, Khaled Mashaal.
Tamén na década de 1970, o Reino Unido protestou ante Israel logo de descubrir que un dos seus espías utilizou un documento británico para viaxar a Beirut, onde se perpetrou o asasinato do líder palestino que organizou a matanza do equipo israelí nas Olimpíadas de München de 1972.