A Xunta valora as desculpas do Concello mais reprocha que se tratase de "normal" o que "é unha manifestación da violencia que se segue a exercer sobre as mulleres".
Xinzo de Limia / Imaxe: Galipedia
A inclusión no programa do entroido de Xinzo de Limia, a través dunha asociación cultural que colabora co Concello, de publicidade de dous clubes presuntamente adicados á prostitución acendeu indignación e conflito no municipio. Logo da denuncia pública que sobre este feito realizou o PSdeG, o alcalde, Isaac Vila (PPdeG), pediu "desculpas" polo que considerou un erro. Mais o concelleiro directamente implicado, responsábel de Cultura e Festexos, Daniel Blanco, cualificou de excesiva a transcendencia outorgada polos socialistas a este caso e quitoulle importancia ao acontecido.
Ao fío, o Ministerio de Igualdade, a través do Instituto da Muller, organismo que ten á fronte á ourensá Laura Seara, anunciou o pasado martes a apertura dun expediente informativo e solicitou a retirada do programa. Agora vén de pronunciarse tamén a Xunta, a través da secretaría xeral de Igualdade, cualificando de "deplorábel" a publicidade de dous clubs "onde se exerce a prostitución" como se fosen un estabelecemento máis de hostalería. "Este tipo de feitos, que favorecen unha imaxe normalizada da prostitución, son especialmente rexeitábeis", censurou a secretaria xeral, Marta González.