Varias testemuñas citadas polos medios belgas falan dun choque "brutal" e de que podería haber aínda persoas no interior dos trens accidentados.
Imaxe da colisión
Polo menos 18 persoas morreron (datos de última hora da tarde deste luns) nun choque frontal de dous trens rexionais no municipio de Halle (Flandres), na periferia de Bruxelas, que deixou tamén un número indeterminado de feridos "graves", segundo informou o alcalde do municipio, Dirk Pieters.
O accidente produciuse arredor das 8.30 horas deste luns, na hora punta en que moitas persoas se desprazan aos seus lugares de traballo en Bruxelas.
As cadeas de televisión VRT e RTBF citaron o alcalde de Halle e fontes do Ministerio do Interior informando de que o número de vítimas podería ser de polo menos 20 mortos. A compañía de ferrocarrís belga SNCB informou pola súa banda de que hai "varios feridos graves" mais non falou de falecidos.
Imaxes no Twitter
Varias testemuñas citadas polos medios belgas falan dun choque "brutal" e de que podería haber aínda persoas no interior dos trens accidentados. As primeiras imaxes do sinistro están sendo publicadas a través da rede social Twitter.
Logo do suceso, o tráfico ferroviario, incluídos os servizos internacionais de Eurostar e Thalys, foron interrompidos indefinidamente.