David Taguas, que agora preside a asociación de grandes construtoras, pide tamén que as empresas paguen menos á Seguridade Social
O que até maio de 2008 foi director da Oficina Económica da Moncloa, David Taguas, avogou este sábado por unha reforma profunda do mercado laboral. O economista madrileño pide un modelo único de contrato laboral que contemple unha indemnización de 12 días por ano traballado (fronte ao máximo de 45 días que existe na actualidade). A súa proposta contempla que por cada trimestre traballado a maiores os asalariados poidan cobrar un día máis de despedimento, até un máximo de 24 días por ano traballado para os que leven alomenos tres anos contratados na mesma empresa.
Taguas, que agora dirixe SEOPAN, o ‘lobby' baixo o que se agrupan as principias construtoras, afirma que esta receita paliaría as altas taxas de paro xa que se incentivaría unha contratación máis estábel e os custes para o empregador serían ben menores. Mais o representante das construtoras vai máis aló e considera que tamén é preciso que as empresas paguen tres puntos menos de cotización á seguridade social.
A proposta prodúcese unha semana despois de que se abrise publicamente o debate sobre se é necesario reformar o mercado laboral e, nomeadamente, reducir os dereitos por despedimento para incentivar a economía.