Este domingo comeza un novo ano no calendario chinés, marcado espiritualmente por esta especie. A WWF calcula que podería estar extinta na altura de 2022.
O tigre poderíase extinguir para 2022
Até o 2 de febreiro de 2011 prevalecerá a fortaleza do tigre. Polo menos é o que cren desde hai milleiros de anos na China, que este domingo celebran a entrada nun ano novo, marcado espiritualmente nos vindeiros meses por esta especie.
Podería ser un dos últimos da historia que conte coa presenza física do felino sobre o Planeta. Porque, paradoxalmente, podería extinguirse en pouco máis dunha década, segundo apuntan desde a World Wildlife Fund (WWF). Outras organizacións outórganlle algúns anos máis de vida, mais a a constatación da ameaza é coincidente.
O tigre agoniza en toda a rexión: dos 3.200 que sobreviven en hábitats naturais da India, Rusia e China, esta última acolle só medio cento, e só no nordés -con 20 exemplares do tigre de Amur- hai posibilidades de que perdure pola súa proximidade á reserva rusa.
As cifras que manexa a WWF son alarmantes de ter en conta que na década de 1980 eran 20 mil, e uns 100 mil hai un século. Ademais, os seis mil exemplares que China mantén en catividade viven en condicións deplorábeis e son incapaces de se readaptaren á vida salvaxe.