Con apoio estatal nace en Marrocos a primeira canle televisiva para o pobo dos "homes libres".
Mapa de linguas bérberes /Imaxe: Galipedia
Son máis de vinte millóns de persoas que viven en diferentes lugares de Marrocos, Alxeria ou Tunicia, no norte de África. Tradicionalmente illados, a chamada cultura amazigh ou dos "homes libres" foi vista pola ortodoxia marroquí como unha ameaza.
Mais finalmente, a administración marroquí deulle a beizón ao nacemento dunha nova canle bérber con financiamento estatal que pretende ir máis aló da simple aparición "folclórica" da cultura amazigh nos medios daquel país. Unha canle coa que aspirarían ademais a gañar cota de pantalla no espazo panárabe vía satélite, onde cadeas como Al Iasira teñen rabuñado moita atención dos espectadores tratando unha diversidade de temas que nas estreitamente controladas canles estatais permanecen alleas.