A República Srpska, entidade semiautónoma, podería convocar un referendo sobre a validez dos Acordos de Dayton que puxeron fin á guerra de 1992-1995.
Dodik, primeiro ministro serbobosnio
O parlamento da entidade semiautónoma que agrupa os serbios de Bosnia, a República Srpska, aprobou esta cuarta feira unha norma que alenta a reapertura dun conflito pechado en falso: unha lei de referendos que lle permitiría ao goberno de Milorad Dodik consultar a cidadanía sobre a "lexitimidade" dos Acordos de Dayton que puxeron fin á guerra de 1992-1995.
O documento, asinado ha 15 anos, estabeleceu a división de Bosnia-Herzegovina (BiH) en dúas entidades: a República Srpska, de maioría serbobosnia, e a Federación Bosnia-Herzegovina, de maioría croato-musulmá, unidas por un goberno federal feble. Ademais, desde 2000, o pequeno Distrito de BrĨko -entre as dúas zonas- é unha terceira de facto.
Desde que se deu a coñecer a iniciativa, tanto a oposición parlamentaria -por exemplo, a minoría bosníaca (musulmá)-, como a chamada comunidade internacional criticárona con dureza. Belgrado -que vería deslexitimada a súa posición con respecto a Kosovo- tamén anunciou a súa oposición a un hipotético referendo independentista.
Dodik, segundo medios locais, sinalou o pasado martes que a norma aprobada polo parlamento non procura nin a secesión de BiH nin a violación dos acordos de paz. "Queremos aprobar a lei e logo convocar un referendo sobre o apoio aos Acordos de Dayton e sobre as cuestións que os desacreditan", afirmou no entanto, informan axencias internacionais.
O enviado internacional para a rexión, Valentin Inzko, dixo que calquera referendo que cuestione a validez dos Acordos de Dayton suporía unha violación tanto da constitución bosnia como do acordo de paz en si mesmo.
Namentres, os Estados Unidos de América, a través da súa embaixada en Sarajevo emitiron un comunicado onde cualifican de "provocativo calquera referendo que ameace a a estabilidade, a soberanía ou a integridade territorial de Bosnia-Herzegovina".
Anterior: