Esquerda Unida presentará unha iniciativa no Parlamento Europeo para acelerar a súa limpeza. Tamén pedirá en Bruxelas o peche de Reganosa.
A Unión Europea podería ter que intervir ante a contaminación que actualmente sofre a Ría do Burgo. Hai case un ano que Bruxelas ameazaba con levar o Estado Español aos tribunais de non adoptar medidas efectivas para o seu saneamento. Agora é Esquerda Unida quen anunciou que presentará unha nova iniciativa ante o Parlamento Europeo para que se acelere a limpeza da ría que baña Culleredo, Cambre, Oleiros e A Coruña.
O vocal do grupo municipal de Esquerda Unida en Cambre, Lois Taibo, e o patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Manuel Cao, exixiron novamente políticas activas no saneamento da ría por parte dos catro concellos implicados. “Alguén debe explicar que medidas futuras se levarán a cabo dentro dunha ría na que marisquean 138 traballadores e que debería ser un banco de riqueza para toda a comarca”, asegurou Cao.
Máis lodos e rexeneración en suspenso
Actualmente existe un plan de rexeneración para a Ría do Burgo que xa está aprobado, mais segundo denunciaron Taibo e Cao “o goberno español non está disposto a poñelo en marcha até que non desaparezan todos os verquidos”. Porén, nos últimos días pareceron novos lodos preto da praia de Santa Cristina, o que en opinión dos mariñeiros “pon de manifesto que, lonxe de arranxarse, o problema segue medrando”.
Para que peche Reganosa
Tamén Esquerda Unida anunciou que presentará en Europa unha ampliación da denuncia en contra da planta de gas de Reganosa, situada en Mugardos, no interior da Ría de Ferrol. A previsión é que este tema se aborde na xuntanza do próximo 23 de febreiro da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
EU achegará un documento no que se inclúen os datos do funcionamento da planta de gas, dende que fora autorizada en novembro de 2007. Exixirá así o peche da instalación gasística, ao considerar que é ilegal, ademais ser inviábel economicamente, como demostraría a súa baixa eficacia e rendemento.
Na súa documentación, Esquerda Unida subliña o risco que supón a presenza de Reganosa no itnerior da ría, a menos de dous quilómetros de distancia dos núcleos habitados: presenta informes que demostran que unha decena de gaseiros tiveron que abortar a súa entrada na ría por mor das condicións meteorolóxicas; ou o suposto incumprimento de normas de seguridade dos barcos metaneiros que acceden con até 140 mil metros cúbicos de gas natural.