Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No pleno deste martes, por unanimidade

O Parlamento aproba a declaración institucional polo Día Internacional en Recordo das Vítimas do Holocausto

A xornada conmemorouse o pasado 27 de xaneiro mais non foi até agora que os deputados, xa de volta das vacacións de Nadal, o referendaron.

Redacción - 11:25 10/02/2010

O Parlamento condenou este martes o Holocausto, así como todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na súa orixe étnica ou en crenzas relixiosas. Ademais, demandou á Xunta "traballar arreo" contra os brotes de racismo e xenofobia.

Os tres grupos con representación na Cámara -PPdeG, PSdeG e BNG- acordaron unha declaración conxunta onde recordan que o 1 de novembro de 2005, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas reafirmou que o Holocausto tivo como resultado que "un terzo do pobo xudeu e innumerábeis membros doutras minorías morreron asasinados", o que será "sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio".

Nesa Asemblea tamén se decidiu designar o 27 de xaneiro como Día Internacional de conmemoración en memoria das vítimas do Holocausto, todas estas vítimas do nazismo entre as que tamén había galegos. Na súa declaración -que chega logo da volta das vacacións de Nadal dos deputados- o Parlamento asume a afirmación da Asemblea da ONU que rexeita "toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico".

"E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teña lugar", reza a declaración.

Cidadanía "vixiante"

O Parlamento constata que "o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie aldraxantes para a conciencia humana" e exixe da Xunta, en consonancia co espírito da ONU, "traballar arreo contra posíbeis brotes de racismo, xenofobia e discriminacións baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas".

Paralelamente, apela os cidadáns e as súas organizacións a "permanecer vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto se poida asentar entre nós, e en ningún lugar do mundo".


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: