Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA

Queremos Galego bota a andar a Iniciativa Lexislativa Popular

Unha vez admitida a trámite iniciarase a recolla de sinaturas para que se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía no seu trato coa Administración e no ensino.

Isabel G. Couso - 13:45 08/02/2010

Tal e como xa anunciara na súa propia fundación, Queremos Galego presentou este luns no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que exixe que se “garantan os dereitos lingüísticos dos cidadáns na súa relación coa Administración e co ensino”. Unha comisión formada por dez persoas de diferentes entidades e colectivos adheridos á plataforma presentaron o escrito que marca o inicio da recollida das 15 mil sinaturas necesarias.

Ábrese agora o prazo para que a ILP sexa admitida a trámite ou non, decisión que se tomará nun mes. “O que procuramos é alicerzar os nosos dereitos lingüísticos”, subliñou Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma, ao tempo que insistiu en que “non vai contra ninguén”.

Na Administración e no ensino
A proposta diríxese en exclusiva a dous ámbitos que Queremos Galego considera fundamentais: a Administración e o ensino. No primeiro destes apartados, o colectivo rebélase contra as mudanzas introducidas polo Goberno na Lei de Función Pública e piden “que se cumpra co mandato estatutario de promover os dereitos lingüísticos” (Artigo 5 do Estatuto de Autonomía).

Xa no eido do ensino, Callón fixo referencia ademais de ao Estatuto, á Carta Europea de Linguas e o Plan Xeral de Normalización, que “garanten a presenza nuclear da lingua galega no sistema educativo”.

Votantes do PP
“Facemos un chamamento para que se sume a esta iniciativa toda a cidadanía”, dixo Callón, “mais especialmente os votantes do PP, aqueles votantes defraudados con esta política galegófoba e de auto-odio e con esta práctica de desmantelamento da oficialidade da nosa lingua”.

Finalmente, lembrou que, tal e como xa dixo o anterior presidente da Real Academia Galega, Xosé Manuel Barreiro, e o seu actual dirxiente, Méndez Ferrín, “non houbo aínda nin a primeira medida do Goberno a prol do noso idioma”.

Entre os participantes do acto, ademais de Carlos Callón, estiveron a catedrática de Comunicación Audiovisual e membro da Real Academia Galega, Margarita Ledo; o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao; a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi; o voceiro de Queremos Galego, Fran Rei; ou o humorista Xosé Lois González, O Carrabouxo.


Ligazóns

4,89/5 (38 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Carlos Callón explica os motivos que xustifican a presentación da ILP

Unha pequena comisión, en representación de Queremos Galego, presentou o escrito no Parlamento
Unha pequena comisión, en representación de Queremos Galego, presentou o escrito no Parlamento