Até o xeado Nordkapp, no curuto noruegués, se irán Juan Rivas e Andrés Fraga, para iniciar un camiño a Compostela que relatarán polo miúdo en internet.
O traxecto completo a través de Europa
"Teño aquí unha idea dunha aventura e non se me ocorre ninguén máis tolo ca ti para propoñerlla". Falaba ao teléfono o fotógrafo Andrés Fraga, e ao outro lado do fío, a Juan Rivas 'Coru', enxeñeiro forestal de profesión e alpinista e espeolólogo entre outras afeccións, non lle fixo falta saber moito máis: "Pois xa che digo que si".
A tolemia consiste en atravesar Europa camiñando os seis millóns de pasos que se calculan entre o punto máis boreal deica o recanto máis occidental do continente. A saída, no cabo de Nordkapp, en Noruega, e a meta en Santiago de Compostela. Un Camiño de Santiago en versión ampla que terá unha primeira etapa con temperaturas medias por baixo de cero onde o termómetro chegará nas terras laponas até os -15º.
Día a día a través da rede
Se as pezas encaixan, a aventura comezará a principios do vindeiro mes de abril. Daquela, Coru e Andrés Fraga iniciaran o traxecto e irán dando conta polo miúdo do máis salientábel do que lles aconteza e dos lugares por onde pasen. Subliña Fraga que xustamente o relato da viaxe é un dos valores fundamentais dun proxecto co que desde o comezo pretenden xuntar "deporte, natureza e redes sociais". Con cadanseu teléfono móbil irán actualizando blog, twitter e facebook para contar da experiencia, achegando texto e vídeo. E periodicamente esperan poder editar con máis calma algunha peza audiovisual e gráfica das vivencias, probablemente no descanso que cavilan facer cada quince días. Dese xeito, a chegada a Santiago agárdase para finais de setembro ou comezos de outubro.
Por agora están na etapa previa e tamén a que agoiran máis dura, conseguir apoios para que a iniciativa non quede no caixón. Mais sendo como é que a camiñada deixa en cousa de risa a chapuzada dun coñecido nadador que se botou á ría de Arousa unha mañá de hai poucos días e da que aínda non se coñece o que pagou a Xunta, non debería haber problemas para que contasen con axuda oficial. De momento son optimistas coa receptividade da sociedade de xestión do Xacobeo e do propio Concello de Santiago.
Andrés Fraga subliña as posibilidades das redes sociais para compartir unha experiencia deste tipo e demostrar a capacidade das novas tecnoloxías neste tipo de iniciativas con moito potencial de divulgación turística. "Extrovertido e ocorrente", Coru será o encargado da narración, entrevistas e peculiaridades diante da cámara. Con experiencia como fotógrafo profesional en condicións "diversas e adversas", a Fraga correspóndelle a tarefa de documentar con vídeos e imaxes a información xerada na viaxe. "Esperamos ter moito que contar", prometen.