Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Condicións de vida das familias

Unha 'navallada dixital' parte Galiza

O estudo do IGE amosa as desigualdades que seguen a existir no acceso á internet segundo as zonas. Case a metade dos galegos nunca usaron un computador.

Redacción - 18:30 27/01/2010

Os datos da Enquisa de condicións de vida das familias correspondente ao ano 2008 amosan que o uso das novas tecnoloxías por parte da cidadanía aumentou nos últimos anos. Porén, o traballo elaborado polo Instituto Galego de Estatística segue a amosar grandes desigualdades por idades e lugares de residencia, que se ven claramente representadas sobre o mapa.

Así, as zonas urbanas da marxe atlántica concentran a meirande porcentaxe de persoas internautas, con porcentaxes superiores ao 40%. Pola contra, a Costa da Morte, as zonas montañosas orientais e o sur de Ourense non chegan ao 20%. A media do país sitúase no 33%.

O estudo amosa que os fogares que non se conectan á internet alegan que "non lles parece interesante ou útil" máis ca polo seu prezo ou pola falta de coñecemento do seu uso. Tamén se confirma que o uso de internet diminúe coa idade: no grupo de 15 a 19 anos hai un 90% de internautas, que baixa do 50% a partir dos 40 anos de idade. En calquera caso, as conexións dende o fogar (68,8%) xa dobran as que se efectúan dende o traballo (33,4%).

Tamén medra o número de horas que se dedican á rede. Máis do 56% das persoas enquisadas conéctanse cando menos cinco días á semana. As compras na rede ou o seu uso para contactar coa administración seguen a ser minoritarias, cun 6,4 e un 16,5%, respectivamente. En calquera caso, no ano 2008 aínda había un 47,7% de persoas en Galiza que nunca usaron un computador.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: