Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Informes anuais

A fenda dixital redúcese mentres o acceso á rede se estanca pola crise económica

O informe eEspaña 2009 detecta unha lenta converxencia, mentres o EGM amosa un retroceso entre os colectivos máis vulnerábeis.

Redacción - 12:00 07/07/2009

A Fundación Orange presentou unha nova edición do seu informe anual eEspaña, que volve confirmar a converxencia que se está a producir, tanto no caso de Galiza do Estado Español, como no do Estado Español con Europa. En calquera caso, seguen a existir algunhas eivas estruturais que amosan a debilidade das novas tecnoloxías nestas áreas.

Así, no que se refire ao Estado Español, colócao no posto 16 da táboa, practicamente na media do continente. O documento recoñece que o avance se debeu, principalmente, grazas ao investimento das administracións públicas. As principais melloras producíronse nos incrementos de banda larga fixa e móbil. Neste último eido detectou o dobre de persoas con teléfonos con banda larga móbil. Tamén se achou que case tres da cada catro internautas maiores de 15 anos usan redes sociais, só por detrás do Reino Unido.

Os datos máis negativos proceden das pequenas e medianas empresas, da taxa de usuarios de internet, da escasa aposta pola innovación que, neste informe, se mide polo número de patentes rexistradas. Tampouco medrou a porcentaxe de persoas que fan uso do comercio electrónico.

A pesar do crecemento da internet móbil e dos seus servizos, os custos de acceso á rede están entre os máis altos de Europa, e a velocidade de conexión entre as máis baixas, o que contribúe negativamente á implantación das novas tecnoloxías.

No ámbito empresarial, as empresas de máis de 10 persoas empregadas están entre as líderes do continente en dispoñer de banda larga, cun 97%. Mais as microempresas, con menos de 10 traballadores, están entre as últimas en contar con acceso á rede, de apenas o 53%.

Dentro do Estado Español, Galiza é unha das comunidades autónomas que máis avanzou na sociedade da información, mentres que as diferenzas entre a primeira da lista (Madrid) e a derradeira (Extremadura) reducíronse lixeiramente.

Por dispoñibilidade de servizos públicos online, Galiza tamén está por riba da media, nunha clasificación que lidera Asturias. Outro aspecto salientábel do informe é que non hai importantes diferenzas de acceso ás TIC entre a mocidade urbana e rural nin entre os dous sexos, aínda que si en función da renda do fogar.

Estudo Xeral de Medios

A AIMC publicou a segunda vaga do Estudo Xeral de Medios (EGM), correspondente aos meses de abril e maio de 2009, e que ofrece un apartado dedicado especificamente á internet. O informe detecta un crecemento no uso da rede no último mes con respecto á vaga anterior, que aumenta 1,1 puntos, até o 49,3 por cento. Porén, diminúe nunha décima a porcentaxe de persoas que acceden diariamente á internet, até o 33,6.

Tamén aumenta lixeiramente a fenda de xénero, co que as internautas baixan cinco décimas, até o 44,2%. Por rangos de idade, soben as persoas de entre 35 e 44 anos e de entre 55 e 64 fronte a todos os demais grupos. Así mesmo, baixan levemente as persoas usuarias de clase media-baixa e baixa fronte ás de clase media-alta e alta.

No caso galego, a penetración de internet medrou no último ano 2,8 puntos, até o 41,9%, o que sitúa Galiza no terceiro lugar pola cola, empatada con Castela-A Mancha. Só quedan por detrás Murcia e Extremadura, onde o uso de internet apenas medrou ou mesmo diminuíu no último ano.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: