Esta cuarta feira conmemórase o Día Internacional en Recordo das Vítimas do Holocausto. AGAI lembra o derradeiro sobrevivinte galego de Mauthausen.
Sobrevivinte do holocausto
Antigos prisioneiros de Auschwitz, veteranos do Exército Vermello que os liberaron hai 65 anos e personalidades como xefes de estado e de goberno, renden homenaxe esta cuarta feira as vítimas que pereceron nese campo de concentración nazi.
A inauguración dunha exposición rusa recordará a dramática xornada do 27 de xaneiro de 1945, hai 65 anos, cando o exército soviético entrou nos campos de Auschwitz, Birkenau e Monowitz, e liberou uns sete mil prisioneiros que sobreviviran, na súa maioría enfermos e moribundos.
A data do 27 de xaneiro é, desde que o 1 de novembro de 2005 a Asemblea Xeral da ONU aprobou a resolución 60/7, o Día Internacional de Conmemoración anual en Recordo das Vítimas do Holocausto.
Recordatorio especial de AGAI
Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) emitiron un comunicado co que se queren sumar á "condena e repulsión mundial ao xenocidio sistemático e industrializado que acabou coa vida de millóns de seres humanos, xitanos, disidentes políticos, homosexuais, deficientes físicos e de seis millóns de xudeus".
Ademais, a AGAI ten un "recordatorio especial polo seu profundo simbolismo", do falecemento o pasado 19 de maio de Marcelino Pardal Pouso, "o derradeiro sobrevivinte galego do campo de concentración de Mauthausen".