O responsábel da competición afirma "non odiar ninguén 'de cor'", mais di que agora "a xente 'branca' son minoría".
Unha ducia de cidades dos EUA poderían acoller a partir deste verán unha liga de baloncesto exclusiva para xogadores 'brancos', segundo informou esta semana o xornal Augusta Chronicle e recolleron diversos medios internacionais. A All-American Basketball Alliance -ese é o nome previsto- tamén restrinxirá a participación os xogadores nados fóra do país norteamericano.
O máximo responsábel da competición, Don Moose Lewis, afirmou "non odiar a ninguén 'de cor'". Porén, argumentou, que "a xente 'branca', cidadáns nacidos nos EUA, están actualmente en minoría". Xa que logo, dixo, a All-American Basketball Alliance sería "unha liga para que os os brancos xoguen o baloncesto clásico, que é do que gostan", en troques do "street-ball" xogado por "xente 'de cor'".
"Quererías ir os partidos preocupado por que un xogador che ensine o dedo medio, que te ataquen desde o público ou agarrándose as partes?", declarou. "Esa é a cultura de hoxe en día, e nun país libre deberíamos ter o dereito a nos mover nunha mellor dirección".
Neste senso, sinalou un incidente recente na NBA: a suspensión indefinida do popular xogador Gilbert Arenas, dos Washington Wizards, por sacar un arma no vestiario algo que para Lewis exemplifica e xustifica o descontento dos afeccionados coa maneira en que funcionan os deportes profesionais.
A idea é que o campionato arranque en Atlanta, unha das tres poboacións con maioría de cidadáns 'negros' dos EUA, e que inclúa outras once cidades da Rexión Sueste, tales como Jacksonville e Miami (Florida), Charlotte (North Carolina) ou Memphis e Nashville (Tennessee).