Un artigo do xornal 'Correio do Minho' alerta de que a Lusofonía está ameazada e que sofre unha agresión histórica con esta norma "galegófoba".
A cabeceira portuguesa adícalle un artigo de opinión ao decreto do galego
"No día 21 de xaneiro, os miñotos non deben esquecer un abrazo de solidariedade aos galegos que loitan por un dos seus emblemas máis vivos da súa identidade como pobo e baluarte da súa autonomía fronte á imposición castelá baixo a capa da liberdade. Non só por amizade cos galegos, mais porque a Lusofonía está ameazada e ficará empobrecida na Galiza con este decreto da Xunta de Núñez Feijoo".
Con estas palabras chama o articulista do xornal portugués Correio do Minho,Costa Guimarães, a apoiar os galegos na folga xeral das escolas organizada por Queremos Galego para o vindeiro xoves 21 de xaneiro "para tentar impedir a máis forte agresión contra o idioma propio da Galiza en toda a súa vida democrática". "É importante que saibamos ser solidarios con eles contra este decreto que non ten o apoio das familias, nin dos profesores, nin dos alumnos", asegura ao tempo que cualifica a decisión do Goberno como "decreto galegófobo" e o identifica como un ataque a toda a Lusofonía.