Logo de que Defensa ordenase retirar a estatua do ditador do Arsenal Militar, volve a dúbida sobre o que facer co monolito.
En xullo de 2002, a estatua do ditador á fin "voou" da entrada de Ferrol
En xullo de 2002 a cidade de Ferrol vivía un momento histórico coa retirada da Praza de España da estatua adicada a Francisco Franco. A efixie foi levada ao Arsenal Militar, onde permanece desde aquela. Agora, oito anos despois e amparándose na Lei de Memoria Histórica, o Ministerio de Defensa acaba de ordenar que sexa retirada tamén dese emprazamento.
Ao Concello de Ferrol, que de momento di que non ten constancia oficial do requirimento do ministerio para facerse cargo da peza, corresponderalle decidir o que facer coa efixie do ditador sobre o cabalo. A primeira suxestión chega desde o grupo municipal de Esquerda Unida, que propuxo fundir a estatua, de seis toneladas de peso, e usar o material para crear un monumento en homenaxe ás vítimas do franquismo.
Ao fío, desde Vieiros aproveitamos para lembrar o concurso que organizamos en 2002, baixo o título Que facemos coa estatua de Franco?. Na páxina arquivada poden consultar as principais ideas achegadas polos internautas. Recordámoslles que a proposta gañadora suxería Crear un museo da Guerra Civil en Galiza e depositala alí.