O PPdeG defende as directrices "que o goberno Fraga deixara en marcha" e cualifica a lei dos 500 metros do bipartito como "prohibicións arbitrarias".
Román Rodríguez acusa o bipartito de "pasotismo" na ordenación do litoral
Un plan "histórico" e que marcará "un antes e un despois na ordenación do litoral de Galiza". Foron palabras de Román Rodríguez, voceiro do grupo parlamentario do PPdeG en materia de Urbanismo. Explicou Rodríguez que o Plan de Ordenamento do Litoral avanzado polo Goberno "revaloriza o litoral galego e aposta por un ordenamento intelixente da nosa costa". Así, na opinión do deputado dezao, o proxecto que na práctica reduce á metade as hectáreas costeiras preservadas, vai en favor "duns valores territoriais e medioambientais e busca a excelencia territorial".
Doutra banda, Román Rodríguez avaliou que na anterior lexislatura o executivo demostrara "enorme irresponsabilidade" e "pasotismo", e queixouse de que o bipartito "desprezou unhas directrices que xa o goberno de Fraga deixara en marcha tramitando con présas unha mala copia das mesmas". Para o portavoz do PP, o Plan deseñado polo actual equipo do PP na Xunta "parte dun traballo serio e rigoroso e dun coñecemento exhaustivo do territorio" e fornecerá "unha xestión racional fronte ás paralizacións e prohibicións arbitrarias recollidas na Lei dos 500 metros do bipartito".