Os principais incidentes concentráronse nas vías secundarias de numerosas comarcas do interior. A capital de Galiza foi unha das cidades máis afectadas do país.
O anunciado temporal de neve chegou con forza. Ao longo da madrugada do xoves ao venres a neve estendeuse por boa parte do país. A circulación viaria fíxose moi complicada en numerosas estradas galegas por mor da neve, mais sobre todo da xeada. A normalidade comezou a recuperarse a media mañá e Galiza baixou o nivel de alerta de laranxa a amarelo. Porén, dende Protección Civil advirten que, a pesar da melloría climatolóxica, é previsíbel que o xeo siga presente en numerosos puntos da rede viaria.
En canto ás cidades, Santiago de Compostela e Lugo foron as máis afectadas pola nevada. Na capital de Galiza, a capa de xeo e neve dificultou moito o tráfico pola mañá. De feito, suspendéronse as liñas de bus urbanos e nalgunhas rúas con costa foi preciso cortar a circulación a primeira hora.