Un informe da Unión Galega de Consumidores revela que os pacientes desaproban a simultaneidade do exercicio público e privado da profesión médica.
A Unión de Consumidores de Galiza (UCGAL) acaba de presentar as conclusións do II Observatorio da Sanidade Pública Galega, un estudo elaborado a partir dun milleiro de entrevistas anónimas entre maio e setembro do último ano (marxe de erro: 3,1%). No informe abordan o posicionamento dos pacientes galegos ao respecto de temas como os tempos de espera, a calidade da atención profesional, o tempo que se adica ás consultas, a compaxinación co exercicio privado da medicina ou o novo sistema de petición de citas telefónico, entre outros temas.
Tempos de espera e calidade profesional
A opinión dos usuarios galegos do sistema público de sanidade varía en función de diferentes variábeis. Así, consideran os tempos excesivos en maior grao cando nos referimos á atención especializada, á ciruxía ou ás probas diagnósticas, en maior medida que na asistencia primaria. Así, o 80% consideran que os tempos de espera en atención primaria son curtos ou prudenciais mentres que no caso da especializada a porcentaxe dos descontentos aumenta: en especializada, o 77% considera o tempo de espera excesivo; en probas diagnósticas ou cirurxía, o 66%.
No referente ao tempo que cada doutor adica á atención do paciente tamén temos datos diferentes: é escaso para o 49,9% dos pacientes de atención primaria e para o 56,5% dos que acoden á consulta do especialista.
Se falamos da calidade profesional do doutor, na atención primaria os resultados amosan que máis do 62% dos entrevistados cualifica de boa a atención que lle dispensan; unha porcentaxe que baixa até o 46,5% no caso da consulta do especialista e que se sitúa no 41,5 no caso de probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas.
Na privada e na pública
Outra das conclusións que se extraen do informe é a consideración negativa que os pacientes teñen da simultaneidade do exercicio público e privado da profesión médica. Máis do 66% dos entrevistados valoran negativamente esta práctica fronte a algo menos do 17% que a valoran positivamente.
Ao respecto da posta en marcha do novo número de atención telefónica para solicitar cita médica (902 077 333), o 49,5% dos enquisados aseguran que non mellorou en nada o anterior sistema. Finalmente, até un 57,6% dos galegos considera inapropiado o nivel de participación cidadá na xestión sanitaria.