O presidente Dmitri Medvedev fixou un mínimo de dous euros por medio litro. Todas as medidas tomadas até agora aumentaron a venda de licores ilegais.
O goberno ruso está a argallar medidas para combater o alcolismo. O primeiro proxecto previsto polo presidente Medvedev é impoñer un prezo mínimo para o vodka. A partir de agora, unha botella de medio litro deberá custar, como mínimo, 89 rublos, uns dous euros.
O salario medio en Rusia é duns 415 euros ao mes e o vodka ilegal pódese conseguir por arredor de 90 céntimos. Segundo estimacións publicadas pola BBC, cando menos a metade do licor que se vende en Rusia é ilegal. Tendo en conta que un ruso medio bebe 34 botellas ao ano, iso supón un consumo elevado.
A pretensión do goberno ruso é recortar nun 25% ese consumo no ano 2012. Porén, as medidas levadas a cabo neste senso sempre fracasaron e só contribuíron a aumentar as vendas de alcol ilegal. Cada ano morren 35 mil persoas en Rusia por envelenamento de alcol, en moitos casos debido ao consumo de vodka feito na casa.
Un antecedente a ter en conta foi a campaña posta en marcha por Mikhail Gorbachov a finais dos anos 80. O derradeiro presidente da Unión Soviética decidiu prohibir o consumo, o que levou moita xente a consumir colonia e alcol industrial, o que provocou mortes e danos.