Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate na Cámara

Cita sen consenso coa lei de caixas

Cun punto de encontro entre PPdeG e BNG e entre reproches ao PsdeG, o Parlamento bota adiante este martes a nova lei de caixas.

Redacción - 10:45 29/12/2009
Tags: caixas

A voz da xunta ao respecto da posíbel ou posíbeis fusións de Caixa Galicia e Caixanova hase de escoitar logo de que o Parlamento debata e se pronuncie ao respecto. Ese detalle foi o único acordo que, alén dos xa alcanzados en comisión nas semanas anteriores, reuniu a unanimidade de PPdeG, PSdeG e BNG. O resto de emendas que, a maiores, traían este martes os socialistas ás portas deste último debate previo á votación, quedaron fóra do novo texto da lei de caixas.

O voceiro do PPdeG, Pedro Puy, acusou os socialistas de alentar "o peor ataque á consolidación das caixas galegas", interpretando que o actual secretario xeral do PsdeG, Manuel Vázquez, xoga a "contentar" os alcaldes da Coruña e Vigo e xogar no medio da loita de poder entre os respectivos alcaldes socialistas nestas cidades. Desde o BNG, formación que lanzou o debate poñendo na mesa o texto sobre o que se negociou a reforma, o deputado lugués Fernando Blanco avisou de que a reforma "non é un cheque en branco para ninguén" e salientou a participación que se lle outorga á Cámara a través dos órganos de goberno das entidades. No outro estremo, o voceiro do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, laiouse da perda de "engarzamento territorial" que na súa opinión conlevará a reforma e chamou a atención sobre a "discrecionalidade" e o "elemento de sospeita partidista" que dixo ver na representación de entidades sociais na asemblea xeral.

"Mantense o modelo de entidades de participación social e mellórase e garántese a independencia, autonomía e profesionalidade na xestión das caixas de aforro". Así o subliñan desde o PPdeG á luz do debate sobre a reforma da lei que regulamenta as caixas de aforro. O voceiro parlamentario do PPdeG en materia económica, Pedro Puy, cualificou de "irresponsábel" a posición do grupo do PSdeG diante deste debate. Na opinión de Puy, a chamada dos socialistas a estender o debate no tempo durante o vindeiro ano "bloquearía a capacidade de decisión" das entidades financeiras. "E coa que está a caer...", ironizou Puy durante unha intervención anterior na comisión de Economía da Cámara.

Defenden os populares que o proxecto de reforma "non só non politiza as caixas, senón que, ao contrario, bota os partidos fóra delas". Por este motivo, censuran desde o PP a "incoherencia" dos socialistas por urxir durante semanas o Goberno a actuar ao respecto do futuro das caixas. "E agora critican o presidente por facelo e desmárcanse do consenso sobre a norma", reprochan. "E fano para intentar minar a Xunta e con argumentos que son unha falacia", critican. Neste contexto, o PPdeG atribúelle a saída dos socialistas do consenso posíbel a dous factores: en primeiro lugar a unha presunta "man negra" a nivel estatal, en referencia á posición do PSOE en Madrid, e en segundo termo ás propias desavinzas dentro do PSdeG e, nomeadamente, entre os sectores da Coruña e Vigo. "Antepoñen outros intereses aos de Galiza, e deberán explicar cales son", desafían.

O PSdeG reclamaba que se aceptasen todas as súas emendas
Sobre as críticas ao grupo parlamentario do PSdeG coinciden tamén desde o BNG, destacando que os "avances e retrocesos" dos socialistas ao respecto deste debate terían moito que ver coa sombra do "poder central". Refírense os nacionalistas á postura que lle atribúen ao PSOE desde o goberno español en prol da "deslocalización" das caixas e a "posterior bancarización". Por outro lado, desde o Bloque salientan o papel "impulsor" do grupo nacionalista cara a esta reforma da lei de caixas de aforro, recordando que sairá adiante arredor do propio documento inicialmente exposto polo BNG. Segundo o voceiro parlamentario do BNG en materia económica, o ex conselleiro Fernando Blanco, a norma que sae aprobada este martes da Cámara aínda sendo mellorábel contén os aspectos esenciais reivindicados polo seu grupo e supón un avance e un "éxito sen precedentes" para o país.

Desde o PSdeG, defenden que o desmarque da reforma ten que ver co rexeitamento a diversas emendas propostas durante o debate e que consideran irrenunciábeis. O voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, salientou entre outros á composición e forma de elección dos órganos de goberno, prazos para a súa renovación, necesidade de autorización da Xunta para a obra social, aplicación de criterios de transparencia nas remuneracións dos altos cargos e a eventual participación do Parlamento en caso de fusións ou alianzas. Leiceaga criticou por exemplo a redución dos representantes dos concellos de Vigo e A Coruña nos consellos de administración das entidades e reclamou que se amplíe a un ano o prazo do proceso de renovación dos estatutos e os membros da dirección das entidades.


4,75/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: