Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUMA E SEGUE

O futuro das caixas ou a liorta Vigo-A Coruña

Losada fala dunha gran entidade de aforros liderada pola Coruña mentres que Caballero rexeita a creación dun centro financeiro lonxe do gran centro industrial de Vigo.

Redacción - 18:58 21/12/2009

A eterna rivalidade entre dúas das grandes cidades galegas, Vigo e A Coruña, atoparon na fusión das dúas caixas de crédito galegas o escenario perfecto para as súas liortas. Así se demostra novamente ao fío das declaracións que este luns lanzaron os seus rexedores.

Dunha banda, o alcalde da Coruña, Xabier Losada, reiterou a súa aposta pola fusión de Caixa Galicia e Caixanova e propuxo a creación, deste xeito, "dunha grande caixa de aforros liderada pola Coruña e para toda Galiza". Así se pronunciou na recepción institucional de Nadal que cada ano celebra o concello herculino en María Pita, onde anunciou que seguirá traballando na defensa "dos coruñeses e dos seus intereses" e onde sostivo que defenderá "o seu capital acumulado, a súa fortaleza e os seus órganos de decisión". Asemade, asegurou que non permitirá "que se perda o peso financeiro e a capacidade económica" que a cidade xerou "ao longo dos anos".

Pola súa parte, o rexedor vigués, Abel Caballero, asegurou que até o de agora recibiu un respaldo masivo no seu rexeitamento a unha posíbel fusión e acusou ao PPdeG de querer promover "un gran centro financeiro" na Coruña lonxe do "centro industrial que é Vigo". Nesa liña, adiantou que a Lei de Caixas que está preparando o Goberno é "anti-Vigo" e asegurou que o Concello (unha das entidades fundadoras de Caixanova) non vai permitir esa "intromisión". Caballero reiterou que defende un "maiúsculo non á fusión" e que non está de acordo co procedemento que se está a levar a cabo na tramitación da Lei de Caixas.

Feijoo pide que o PSdeG non traizoe a Galiza
Mentres, o presidente da Xunta reclamou ao líder socialista, Manuel Vázquez, que "non defraude" a Galiza apartándose do consenso na reforma da Lei de Caixas. Asegurou que na articulación do novo marco lexislativo das entidades de crédito galegas, só ten dúas opcións: "unirse á responsabilidade ou caer nunha permanente contradición".

En contestación, Manuel Vázquez acusou a Feijoo de "escribir a Lei de Caixas máis politizada, intervencionista e sen independencia posíbel" e enmarcou esta actitude no interese do xefe do Executivo en converter as caixas "nun portelo do Goberno".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Abel Caballero Caballero rexeita a creación dun centro financeiro lonxe do gran centro industrial de Vigo
Abel Caballero Caballero rexeita a creación dun centro financeiro lonxe do gran centro industrial de Vigo
Xabier Losada fala dunha gran entidade de aforros para Galiza liderada pola Coruña
Xabier Losada fala dunha gran entidade de aforros para Galiza liderada pola Coruña