O pasado 10 de decembro celebrouse un novo aniversario da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Cando se consolidou en España a Corrente Somos Igrexa, fai xa trece anos, redactouse un manifesto de dez puntos baseado no documento orixinal do movemento Somos Igrexa e ampliado nalgúns aspectos.
Igrexa e Dereitos Humanos
O título deste manifesto é: “Por unha Igrexa consecuente coa defensa dos Dereitos Humanos” e no primeiro parágrafo di o seguinte: “Desde a Fe no Evanxeo traballamos cada día para que a nosa Igrexa se entregue plenamente á defensa da dignidade humana, pero nela aínda existen institucións, normas e comportamentos que contradín tal compromiso”.
Resulta incrible que o Estado Vaticano aínda non asinase a Declaración Universal de Dereitos Humanos desde que se adoptou pola ONU o 10 de decembro de 1948. Non se pode alegar por parte do Vaticano que non é membro de pleno dereito, pois si que subscribiu outros convenios.
As razóns dunha negativa
Que o Estado Vaticano non subscriba a Declaración non é unha cuestión menor pois o artigo 1 da mesma indica: “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros”. Se asinase, debería inmediatamente acabar, entre outras cousas, coa discriminación milenaria á que someteu ás mulleres, e debería acabar tamén coa estrutura non democrática que mantivo durante séculos.
É indubidable que os século XX e XXI amosan como sinais dos tempos a incorporación da muller en igualdade de dereitos a todos os aspectos da vida social e política, a democracia como mellor sistema de goberno dos países e institucións, a liberdade de expresión, o diálogo intercultural e interrelixioso ou a non discriminación pola orientación sexual. Son metas e obxectivos desexables que a Igrexa acepta e ata demanda para outros, pero non vive dentro dela.
Avergoñámonos profundamente de que o artigo 1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos sexa máis cristián que a Igrexa á que pertencemos, pois o que se propugna nel é a dignidade humana e o amor fraterno. O cristianismo non pode afastarse da realidade de cada momento histórico e manterse ancorado nunha organización doutras épocas. Está en xogo a credibilidade dunha Igrexa que esixe cara a fóra o que ela mesma non cumpre cos seus membros.
Un cambio inaprazable
O Concilio Vaticano II xerou moitas expectativas sobre a renovación da Igrexa, abríronse portas a unha maior colexialidade, á participación dos laicos e a unha apertura máis ampla da Igrexa cara ao mundo. Cantos grupos e comunidades da Igrexa católica viven a súa fe alentados por esa eclesioloxía que se foi desenvolvendo a partir do Concilio!
Con todo, estes avances non se están traducindo en cambios de fondo institucionais ou do Maxisterio da Igrexa. Por iso pedimos que o Estado Vaticano firme a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e que a Igrexa católica actúe en consecuencia tanto na súa estrutura interna como no seu compromiso en contra da inxustiza e a favor da dignidade humana.