A imposición dun imposto sobre as transaccións financeiras a nivel global, suxerida xa en 1971, é defendida por Ignacio Ramonet e o movemento ATTAC.
Brown e Sarkozy, esta quinta feira
Os dirixentes europeos pretenden animar o FMI a estabelecer unha taxa mundial sobre "as transaccións financeiras" segundo o modelo da 'taxa Tobin', de acordo cunha proposta presentada este venres en Bruxelas.
A idea foi suxerida por vez primeira en 1971. Foi o economista James Tobin, Premio Nobel 10 anos despois, quen avogaba por un hipotético imposto sobre o fluxo de capitais no mundo. A iniciativa foi recuperada e impulsada posteriormente polo galego Ignacio Ramonet e o movemento ATTAC.
Os gobernos de Francia e do Reino Unido son agora os principais defensores da 'taxa Tobin' co argumento de asegurar que os bancos non tomen riscos de máis que puidesen levar a outra crise financeira. Os EUA son máis remisos a esta opción.
Porén, o aínda borrador de petición formal ao FMI pode ficar nun brinde ao sol, toda vez que o presidente do organismo económico internacional, Dominique Strauss-Kahn, cualificou a 'taxa Tobin' durante a xuntanza do G-20 o mes pasado como "unha idea moi vella, realmente imposíbel hoxe en día".