Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Industria cultural

Agadic: entre a "terra queimada" e os recortes de orzamento

O PPdeG denuncia que o bipartito deixou débedas de 2,6 millóns de euros, mentres o BNG critica a diminución do orzamento da axencia, que dificultará os seus obxectivos.

Redacción - 18:45 01/12/2009

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Xoán Carlos Fernández Fasero, compareceu na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento para dar conta da xestión desa área.

Por unha banda, o voceiro de Cultura do PPdeG, Ignacio López-Chaves, denunciou que nos últimos meses do Goberno bipartito "aplicaron unha política de terra queimada en materia cultural" e deixaron débedas no Agadic "por un importe de 2,6 millóns de euros".

Segundo o deputado 'popular', as débedas atopadas polo actual Goberno debéronse ao "desinterese" do anterior executivo en materia de industrias culturais. Apuntou que 827 mil deses 2,6 millóns de euros eran facturas pendentes de pago ao sector das artes escénicas e o resto ao audiovisual, o que, afirmou, se debeu a que "aplicaron una política de terra queimada cando viron que non podían utilizar politicamente a xestión cultural", pero que "grazas á boa xestión do actual conselleiro de Cultura", se conseguiu "desbloquear este problema e pagar a maioría destas débedas".

No entanto, Fasero recoñeceu, en resposta ao BNG, que dende a chegada do PPdeG ao Goberno produciuse un recorte no investimento de 780 mil euros, o que, segundo a deputada Ana Pontón, supón que "detrás da suposta política de austeridade o que hai é un recorte ás industrias culturais do país" e falta de compromiso.

Pontón criticou a falta de transparencia da Agadic á hora de recoñecer este tipo de recortes e lembrou que é a segunda vez que ten que presentar na Cámara unha iniciativa semellante. A parlamentaria considera que "non se sostén" que se modifiquen as modificacións orzamentarias por "débedas anteriores" e "facendo oposición da oposición", e advertiu de que as "rebaixas" van impedir os obxectivos fundacionais da axencia: o fortalecemento das industrias do país.

A representante do BNG lamentou que, á vista dos orzamentos, as perspectivas para 2010 seguen ser as mesmas, cun "esforzo por parte da Xunta moi inferior ao de pasados anos", malia o Xacobeo. Contrapuxo esta situación a eventos como o AchegArte, organizado no concello da Coruña para suplir o Culturgal, "agardando que o seu éxito lle sirva ao actual Goberno para recapacitar".


2/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: