Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O NOVO MARCO DA CULTURA GALEGA

Así é o Agadic

Ánxela Bugallo defendeu a necesidade do novo organismo pola falta de adaptación do IGAEM a un novo escenario caracterizado pola dixitalización e a globalización.

Redacción - 12:38 19/02/2008

A conselleira iniciou a intervención coa que pechou o debate lendo un extracto da Convención sobre a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais, aprobado pola Unesco en 2005. Quixo deste xeito ligar a importancia de fortalecer ás empresas galegas de creación cultural e a defensa e promoción da lingua e identidade propias. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) nace este martes, aprobada no Parlamento por 38 votos a favor e 34 en contra (atopábase ausentes tres deputados populares) para constituírse no alicerce no que cultura galega se construirá nos vindeiros anos.

Segundo Ánxela Bugallo, o IGAEM amosaba nos últimos anos unha progresiva falta de adaptación a un novo contexto cultural e económico, cambiante, globalizado e caracterizado pola dixitalización e o aumento da competencia. O Agadic nace para para fortalecer o feble mercado galego e favorecer a exportación da cultura galega. A conselleira reclamou que "a cultura galega non pode aceptar un papel subordinado". Bugallo reclamou "ambición" para apoiar o novo organismo, que servirá para que Galiza se adiante a outros países, posicionándose nun lugar moi favorábel fronte a outros países, anticipándose a un escenario que estará xeralizado en quince anos.

Como vai funcionar o Agadic
O Agadic substituirá ao IGAEM, creado en 1989, ampliando as súas competencias a todos os eidos da cultura. A Axencia irá máis aló da música e das artes escénicas para apoiar ao conxunto das industrias culturais. O obxectivo é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para ter empresas con ingresos suficientes e estables, fomentando a creación e comercialización de bens e servizos culturais de calidade e favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

Para acadar estes obxectivos, a axencia apoiará a creación e consolidación de empresas do sector cultural e o establecemento de colaboracións entre elas; así como a distribución e comercialización dos produtos dentro e fóra do noso país. Para isto poderá establecer marcas de referencia e campañas publicitarias para reforzar a posición dos produtos culturais galegos. A Agadic poderá participar en consorcios, conceder subvencións e favorecer a obtención de liñas de créditos en condicións vantaxosas. Neste sentido, actuará como intermediaria entre as empresas e o IGAPE, en especial para poder afrontar grandes proxectos desde a iniciativa privada.

Finalmente, a Axencia impulsará planos formativos dirixidos a incrementar a preparación artística, técnica e empresarial dos seus profesionais, en especial nas funcións de xestión e no emprego de novas tecnoloxías. Ao longo de 2008 o IGAEM, antes de que fique convertido na Agadic, incidirá na formación, despois de ter detectado eivas na profesionalización do sector teatral. Ademais, xa este ano o IGAEM favorecerá a representación de obras galegas, estabelecendo unha prima na baremación para conseguir que os textos teatrais premiados cheguen ás táboas.

Por último, a entidade tamén prestará unha especial atención á promoción exterior, para que os espectáculos galegos teñan tamén a súa oportunidade fóra. Os seus obxectivos pasan por aumentar nun 30% o número de funcións distribuídas, e que aumente ata un 20% máis o número de emisións de comercialización no exterior. Polo tanto, aínda que o Agadic aínda non existe formalmente, no 2008 comezarán a percibirse algúns dos cambios que producirá na creación cultural galega.


2,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: