Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Vai no noso beneficio", din os 'populares'

O PPdeG 'acusa' o PSdeG de se sentir "tan cómodo como o BNG" cun "Estatuto de nación" para Galiza

Núñez Feijoo cre que "lamentabelmente" Cataluña xa non é referente de autogoberno responsábel para os galegos.

Redacción - 17:30 30/11/2009
Rodríguez Miranda, do PPdeG

Rodríguez Miranda, do PPdeG

O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, preguntoulle este luns "ao PSOE de Manuel Vázquez (secretario xeral do PSdeG) e Francisco Caamaño (ministro de Xustiza)" se, ademais de "defender un Estatuto de nación" para Galiza "como o BNG", avala as "presións" dalgúns partidos cataláns ao Tribunal Constitucional para que "falle a prol" desta lei en Cataluña.

A través dun comunicado, Miranda sinalou o Francisco Caamaño como "autor intelectual dun texto -o Estatuto catalán- que puxo en xaque o funcionamento da España das autonomías", o que -ao seu xuízo- podería vulnerar a propia Constitución.

De Manuel Vázquez dixo que estaba a favor de "copiar ese modelo catalán" e "importalo" ao noso país, "ben por conviccións propias ou ben polas exixencias do BNG", os seus "socios no Goberno e na oposición", e alertou de que o PSOE "recorta as súas distancias co nacionalismo" tanto a nivel galego como a nivel estatal.

Neste senso, acusa os socialistas de "camiñar da man daqueles que impuxeron o uso do galego, en manifestacións en contra da liberdade lingüística que defende o Goberno de Feijoo", en referencia á marcha a prol do galego do pasado 18 de outubro na que participaron máis de 50 mil persoas.

"Mesmos obxectivos ca o PSC e ca o BNG"

Rodríguez Miranda recordou que Galiza non ten un novo Estatuto desde o ano 2007 pola "negativa" de PSdeG e BNG a negociar o articulado do texto se no preámbulo "non se lle daba a Galiza ese rango de nación", un punto en que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, "non estivo de acordo".

"Parece que o PSOE galego comparte obxectivos ca o PSC e ca o BNG, o cal é unha garantía para o PPdeG porque nin o Bloque ten apoios suficientes nin as teses do PSC contarían aquí co respaldo maioritario da sociedade", sentenciou o portavoz dos populares.

Críticas á clase política catalá

Pola súa banda, nunha entrevista radiofónica en Punto Radio, Alberto Núñez Feijoo afirmou que Cataluña sempre foi "un referente" de "autogoberno responsábel" para Galiza mais que "lamentabelmente", nos últimos anos, deixouno de ser. "A clase política catalá xa non é un referente para as comunidades autónomas", subliñou o presidente da Xunta.


1/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: