Amnistía Internacional subliña que cada vez máis estados suprimen a pena capital da súa lexislación penal.
Este luns, máis de 1.100 cidades de todo o mundo participan na xornada mundial "Cidades pola vida", contra a pena de morte. A actividade ten lugar logo da aprobación de dúas resolucións para unha Moratoria Universal da pena de morte na Asemblea Xeral das Nacións Unidas. En total, 106 estados votaron a favor da última resolución en decembro de 2008, o que supón un paso adiante cara á abolición da pena capital en todo o planeta.
Segundo informou Amnistía Internacional (AI), os concellos da Coruña e de Sada sumáronse a esta mobilización. Trátase dunha iniciativa emprendida pola organización Comunidade de Sant'Egidio, co apoio da Coalición Mundial contra a pena de morte, á que pertence AI.
A resolución das Nacións Unidas insta os gobernos onde se seguen a impoñer condenas de morte a que suspendan as execucións, respecten as normas internacionais e reduzan os delitos puníbeis con ese castigo, restrinxindo progresivamente o uso da pena capital.
Amnistía Internacional ve imparábel o camiño cara á abolición da pena de morte a escala mundial. En 1948, cando se adoptou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, só oito estados aboliran a pena capital. En 2009, a lista de gobernos abolicionistas suma 95 estados, coa incorporación de Burundi e Togo. Outros nove suprimiron a pena de morte para delitos comúns, e 35 máis considéranse abolicionistas na práctica. En total, son 139 estados abolicionistas fronte a 58 que manteñen a pena de morte. En 2008, polo menos 2.390 persoas foron executadas en 25 países.