As declaracións dun voceiro da Casa Branca prodúcense unha semana antes de que Obama defenda o envío de novas tropas.
O exército dos Estados Unidos, e, seguramente, o do resto dos países, xa non estará en Afganistán dentro de oito anos, segundo confirmou este mércores a Casa Branca. Barack Obama explicaralles aos estadounidenses a semana a súa estratexia bélica.
O presidente estadounidense ten previsto dirixirse á cidadanía o martes para defender o custo dunha guerra custosa e impopular. Segundo informou a axencia Reuters, cóntase con que anuncie o envío de 30 mil tropas máis como parte dunha nova estratexia contra a insurxencia e que poñerá énfase en acelerar o adestramento de forzas de seguridade afgás para unha eventual retirada dos soldados estadounidenses.
Aínda que é moi improbábel que Obama ofreza un calendario de retirada, un voceiro da Casa Branca, Robert Gibbs, asegurou que o presidente incidirá en que a implicación estadounidense en Afganistán non ten un final aberto: "Estamos no noveno ano en Afganistán. Non imos seguir outros oito ou nove anos", asegurou. "O noso tempo alí estará limitado e é importante que a xente o entenda".