A Marcha Mundial das Mulleres convoca mobilizacións para o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia machista.
Cartaz da pintora Sabela Arias
A Marcha Mundial das Mulleres (MMM) concentrarase a próxima cuarta feira (25 de novembro, Día internacional contra a violencia machista) en diversas cidades do país para demandar que "todas as agresións machistas finalicen". Solicitan, neste senso, que as institucións poñan en marcha o total de recursos dispoñíbeis.
Na presentación, na Libraría Couceiro de Compostela, a coordinadora local, Charo Fernández, denunciou con "toda contundencia" a situación de violencia que viven mulleres de diversas idades e procedencia. Segundo sinalou, toda esta situación está amparada por unha "sociedade patriarcal" que pon as bases para que exista. "Este problema é responsabilidade de todos e todas", subliñou.
Fernández estivo acompañada por Lidia Ponte, tamén integrante da coordinadora local compostelá, e a pintora luguesa Sabela Arias, autora da proposta gráfica da campaña. Baixo o lema Todas as ferramentas contra as raíces da violencia, a organización feminista busca que a sociedade deixe de ver estas agresións como algo "inevitábel e rutineiro".
Máis de 53 mil condenados en todo o Estado
Nos últimos tres anos, máis de 53 mil homes foron condenados a penas de prisión por violencia machista en todo o Estado. Segundo os datos achegados pola organización, o 60% dos acusados recoñece o delito, aínda que "se minimiza como algo natural da masculinidade", sinalou Fernández.
A MMM recordou a "importancia" de lembrar as cinco mulleres asasinadas en Galiza por violencia machista en 2009. Para iso, insistiron en citar os nomes das cinco finadas, para que non se esquezan.
No mes de xaneiro foi asasinada María Teresa Troncoso en Nigrán, de 43 anos. No mes de febreiro, María Socorro da Silva, veciña de Ourense, de 26 anos. No mes de xullo, María Luz Tapia, da Coruña, con 38 anos. No mes de agosto, Ubaldina Pazos, de Coristanco, con 70 anos. E no mes de setembro, Laura Alonso, de Toén, con 19 anos.
Espectáculo mediático
Un dos puntos principais sobre os que a organización feminista dirixiu as súas críticas foi o do tratamento que os medios de comunicación realizan sobre esta problemática. "A través dunha información mal orientada poden estar, aínda sen querelo, axudando a que as raíces que están na causa da violencia de xénero sigan afondando", subliñou Charo López.
Neste senso, demandaron unha información que se afaste "do espectáculo e do morbo", para fomentar a análise e a reflexión mediante unha boa formación dos profesionais. Aínda que tamén se puxo en valor o "apoio de moitos sectores sociais e institucións que se esforzan en condenar os agresores e buscar saídas para as mulleres que padecen a violencia de xénero".
Ademais, incidiuse na necesidade de "non morder o anzol" das "forzas conservadoras", que reivindican medidas contra o maltrato "mais sen asumiren a súa responsabilidade". Explicaron que esas voces son as mesmas que "están en contra de avances" que a muller experimentou nos últimos tempos, como é o caso do aborto ou dos servizos públicos de prestación social para as mulleres.